Thursday 16 de May de 2024

O titular da Xunta presidiu o acto de presentación do Centro Mixto de Investigación en Avións non Tripulados Xunta de Galicia-Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA)


Feijóo subliña que o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas situará Galicia no mapa da investigación aeronáutica para uso civil de Europa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a posta en marcha do Centro Mixto de investigación en avións non tripulados Xunta de Galicia-Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial de Rozas situará Galicia no mapa da investigación aeronáutica para uso civil de Europa.

Durante a presentación do proxecto, que vai ser unha realidade grazas á colaboración entre a Xunta e os Ministerios de Defensa e de Economía e Competitividade, Feijóo afirmou que esta iniciativa –na que participa o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial- ten como obxectivo converter as instalacións de Castro de Rei nun centro de referencia europeo na investigación e desenvolvemento de sistemas de voo aerotransportados para uso exclusivamente civil.

Feijóo resaltou, tamén, que esta aposta conxunta de ambas as dúas administracións permitirá a participación neste proxecto de grandes compañías do sector, como AIRBUS, xunto con empresas galegas que, hoxe por hoxe, ocupan un lugar destacado no sector da aeronáutica, como Delta Vigo S.L. ou Componentes Aeronáuticos S.A (COASA). E precisou que a instalación no aeródromo lugués deste centro suporá a creación de 50 postos de traballo de alta cualificación e un investimento de 10 millóns.

No tocante a este segundo aspecto, afirmou que o investimento destinarase basicamente á remodelación das actuais instalacións do aeródromo, un complexo de 370 hectáreas de superficie. Non en van as obras prevén a construción dun novo hangar; a reforma da torre de control, que disporá de modernos equipos de seguimento; e a dotación do equipamento tecnolóxico e dos sistemas de telecomunicacións máis avanzados.

Ademais de ser o centro de cabeceira do INTA en España para o desenvolvemento e ensaio de tecnoloxías en avións non tripulados de uso civil, o titular da Xunta salientou o obxectivo de que este centro sexa recoñecido como membro da rede de centros do Foro Estratéxico Europeo de Infraestruturas de Investigación (ESFRI), que integra as entidades científicas públicas máis excelentes da EU, e que favorecería o acceso a financiamento do programa Horizonte 2020.

Utilidade en sectores estratéxicos da economía galega
Así mesmo, subliñou que o centro exercerá un efecto tractor sobre as empresas ao propiciar a transferencia de coñecemento co tecido industrial, e permitirá crear consorcios de innovación nos que participen pemes galegas e grandes compañías aeronáuticas a nivel internacional. “E, ademais, será tamén un importante polo tecnolóxico para aquelas compañías interesadas en ensaiar nestas instalacións os seus prototipos, como é o caso de Airbus”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que a construción de avións non tripulados, con enormes aplicacións no ámbito civil, será de grande utilidade en sectores estratéxicos da economía galega. Na actividade pesqueira, buscaranse aplicacións por exemplo para a localización de bancos de peixes ou a xestión con máis información de mareas vermellas e facilitará a vixilancia da contaminación e o furtivismo. No eido da agricultura esta tecnoloxía permitirá mellorar a capacidade para localizar recursos hídricos, así como para sementar, fumigar ou inspeccionar cultivos. E, no sector forestal, estes dispositivos achegan grandes vantaxes á hora de controlar incendios ou pragas que poidan afectar os nosos montes.

Ademais de resaltar sinerxías que a industria aeronáutica pode xerar con sectores clave na Comunidade como a automoción, o naval ou o metalúrxico, o responsable do Goberno galego afirmou que o centro de Rozas “ten como obxectivo converter a esta provincia na provincia que lidere o pulo tecnolóxico no sector aeronáutico de Galicia; e as empresas radicadas, por exemplo na área de Vigo e Ourense, poderán ter aquí en consecuencia sinerxías”.

A modo de resumo, Feijóo fixo fincapé en que este proxecto supón unha aposta clara por Lugo e polo interior de Galicia, “e o sector industrial ten que ser un sector que vaia abrindo capacidades dentro da provincia”. “E ligado a isto, queda concretada a aposta pola innovación tecnolóxica a través do sector aeronáutico, un dos eidos con máis desenvolvemento económico da próxima década”, abundou.

Por último, o responsable autonómico incidiu na aposta pola diversificacións no noso modelo produtivo, concretada na consideración do sector aeronáutico como un polo tecnolóxico capaz da atraer o desenvolvemento de novos sectores industriais vinculados á innovación e á tecnoloxía.